A conselleira de Política Social e Igualdade pon en valor o labor da entidade en favor da inclusión social, a autonomía persoal e a vida independente. A Coruña, 14 de outubro de 2026.- A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe que Galicia está á vangarda da solidariedade durante a gala da XVIII edición dos Premios Solidarios do Grupo Social ONCE, celebrada no Teatro Colón da Coruña. Durante o acto, a conselleira recoñeceu o labor do Grupo Social ONCE, ao que definiu como un referente na promoción da “inclusión social, da autonomía persoal, da normalización e da vida independente” das persoas que antes non podían nin sequera soñar con esa oportunidade. Fabiola García subliñou que Galicia “está á vangarda no que á solidariedade se refire” e asegurou que a comunidade pode sentirse orgullosa de estar á altura de calquera territorio avanzado nos indicadores de desenvolvemento e benestar. Así mesmo, puxo en valor o compromiso das entidades sociais, das institucións e dos “heroes e heroínas anónimos” que contribúen cada día a construír unha ampla rede solidaria, fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria. Cinco galardoados polo seu compromiso social Nesta edición dos Premios Solidarios do Grupo Social ONCE, os recoñecementos recaeron en cinco persoas e entidades que destacan polo seu compromiso coa sociedade: Parlamento de Galicia , co Premio ao Estamento da Administración Pública. Asociación STOP , polo seu labor a través da campaña Cada neno un xoguete 2025 , galardoada co Premio á Organización, Institución, Entidade ou ONG. Nauterra–Grupo Calvo , distinguida co Premio á Empresa. Colectivo Solidario cos Maiores , recoñecido co Premio ao Medio de Comunicación. Marisol Soengas , galardoada co Premio á Persoa Física. A gala volveu poñer o foco no labor de persoas, institucións e organizacións que traballan para impulsar a solidariedade, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, valores esenciais para garantir que todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida con autonomía e dignidade.