venres, 15 de maio do 2026 Este xoves 14 de maio inaugurouse en Pontevedra a VIII edición do Congreso Flúor , un dos principais encontros do sector da comunicación, a mercadotecnia dixital e a creatividade en Galicia, que reúne medio milleiro de profesionais na cidade do Lérez nun marco-programa de actividade ateigado de entrevistas, conferencias e mesas redondas. O congreso, que se celebra ata este venres 15 baixo o lema O valor de elixir , conta coa presenza de expertos tan destacados como Javier Campopiano, un dos máis prestixiosos creativos a nivel internacional, presente no acto de apertura, Ester Morell, directora de Marketing e Comunicación de Ilunion, Santiago Miguélez, director de Marketing de Estrella Galicia, Nacho Padilla, director da marca Renfe, ou a galega Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez. O programa de actividades deste ano inclúe encontros “dinámicos” co alumnado do Campus de Pontevedra (UVigo) con vistas a fomentar as fichaxes de novos talentos no sector, ou a I Olimpíada de Creatividade, na que se implicarán cen estudantes afrontando un desafío achegado por Nacho Padilla para a marca Avlo de Renfe. Na apertura das actividades participaron entre outros o conselleiro de Cultura, José López Campos, o conselleiro de Emprego, José González, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura destacou a contribución do sector da publicidade “á difusión e prestixio da imaxe de Galicia Calidade que tanto e tan ben no representa e nos identifica”. Ademais, gabou os estilos creativos das campañas deste sector “nas que se capta con orixinalidade a esencia que define a nosa Comunidade, que coida e bebe da tradición e respecta o legado dos nosos antepasados, pero que non deixa de innovar e mudar sen perder nunca a orixe”. Pola súa banda, Luis López, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, destacou a estratexia de innovación que está a desenvolver o Goberno provincial para impulsar a provincia en eidos como o turismo ou o deporte, salientando tamén a estrea dunha plataforma dixital, DepoPlay, para divulgar o labor da Deputación empregando novos formatos que chegan á xente máis nova. “Na Deputación estámonos abrindo ao ecosistema creativo e ao talento da provincia porque entendemos que a casa de todos os pontevedreses e pontevedresas ten que ser tamén a casa da creatividade. Moitas das firmas que estades hoxe aquí xa o sabedes, porque xa colaborades con nós”, declarou o mandatario provincial no acto de inauguración do Congreso Flúor, que celebra a súa oitava edición estes días en Pontevedra.