Fundación ONCE: solidariedade con outras discapacidades
A ONCE creou en 1988 a Fundación ONCE para a cooperación e a inclusión social das persoas con discapacidade, á que destinou para o desenvolvemento das súas funcións unha importante porcentaxe da recadación dos xogos de azar que comercializa a ONCE. Materializouse así a permanente solidariedade dos cegos españois cara a outros colectivos de persoas cunha discapacidade distinta da cegueira.
No momento presente hai máis de 4 millóns de persoas con discapacidade no noso país. A Fundación ONCE fai pivotar o seu labor en dous obxectivos:
- A integración laboral, mediante programas de formación e emprego.
- A accesibilidade universal, concepto que abrangue a posibilidade de coñecer, gozar e utilizar, no seu caso, contornos, produtos e servizos, así como o "deseño para todos".
O traballo da Fundación ONCE está liderado por un padroado onde, ademais da propia Fundación, teñen representación as federacións de asociacións de persoas con discapacidade da nación.
Nos seus máis de vinte anos de existencia, a Fundación ONCE é un referente nacional e tamén internacional na loita pola equiparación das persoas discapacitadas co resto dos cidadáns.
A Fundación ONCE conta cunha división empresarial, FUNDOSA, cuxa misión é a inserción laboral das persoas con discapacidade. FUNDOSA posúe a Medalla de Ouro ao Mérito do Traballo, unha alta distinción que concede o Estado español.





