Web de la ONCE

Estás en:

Unha breve historia. A década europea

A década europea
A primeira década do século XXI foi a da acción internacional, non só en actividades solidarias, senón tamén na presenza da ONCE nos organismos capaces de influír nas políticas gobernamentais acerca das persoas con discapacidade. Froito diso, cómpre salientarmos a aprobación da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, un auténtico fito que viu a luz en outubro de 2007. Outra mostra máis do peso específico da ONCE no taboleiro internacional é a presenza na Unión Europea de Cegos (EBU), no Consello Internacional da Educación de Persoas Cegas (ICEVI), na Unión Mundial de Cegos (UMC) ou a representación -a través do CERMI- no Foro Europeo da Discapacidade, entre outras organizacións deste rango.

As novas tecnoloxías
As persoas cegas e deficientes visuais non son alleas aos avances tecnolóxicos, pois a posibilidade do seu manexo supuxo un salto cualitativo e cuantitativo de primeira orde para a súa autonomía.
Ordenadores, internet, correo electrónico, telefonía móbil, ..., todo iso reforzado con programas accesibles e aparatos específicos para o uso das persoas discapacitadas, abren un importante horizonte de posibilidades no ámbito persoal, laboral e social. Por iso a ONCE posibilita os desenvolvementos tendentes á normalización tecnolóxica e sostén un centro específico de Investigación e Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica.

Navegar pola internet, por exemplo, xa non é un problema para as persoas cegas do século XXI. Con todo, era impensable hai apenas dúas décadas.

E é que a ONCE, tras máis de setenta anos de existencia, pasou do terreo asistencial á plena normalización. Isto tradúcese na case plena ocupación laboral dos seus membros e nunha autonomía razoable, que dan como resultado a capacidade de afrontar o día a día coma calquera outro cidadán, algo absolutamente extraordinario cando finalizando os anos trinta nacía a Organización Nacional de Cegos Españois.

Unha breve historia

Democracia e modernización