Que é a ONCE?
A ONCE é unha corporación sen ánimo de lucro coa misión de mellorar a calidade de vida dos cegos e dos discapacitados visuais de toda España.
ONCE é unha institución de carácter social e democrático. Aberta a todos, solidaria coas persoas afectadas por discapacidades distintas á cegueira, igualitaria e participativa, que traballa día a día en democracia. E faino cóbado con cóbado coa Administración a través dos ministerios de Economía e Facenda, Traballo, Asuntos Sociais e Igualdade, e Interior.
Por outra banda, a solidariedade, un valor tradicional na ONCE, materialízase mediante a Fundación ONCE para a Cooperación e a Integración Social de Persoas con Discapacidade, financiada co 3% da venda bruta dos produtos de xogo da Organización.
O compromiso da ONCE esténdese aos cegos do resto do mundo, participando activamente en todos os foros internacionais. E, moi especialmente, coas asociacións de cegos de América Latina en programas de formación e de emprego, o que desde 1998 se articula a través da Fundación ONCE para América Latina (FOAL).
Na actualidade a ONCE, xunto coa súa Fundación e coa Corporación Empresarial ONCE (CEOSA), xera máis de 123.000 empregos, directos e indirectos, e resolve de maneira autónoma a atención especializada que requiren as máis de 70.000 persoas cegas e discapacitados visuais españolas ás que agrupa.
Organizar en democracia
Cada catro anos os/as afiliados/as á ONCE elixen en votación a quen os/as vai representar nese período. Das urnas resulta a composición dos Consellos Territoriais (un por cada CC.AA) e do Consello Xeral, máximo órgano de representación e goberno da Institución.
Da xestión e mais da execución dos acordos do Consello Xeral encárgase a Dirección Xeral da que dependen distintas direccións executivas, delegacións territoriais e demais centros, así como a Corporación Empresarial ONCE (CEOSA). Este esquema organizativo permite un funcionamento da ONCE áxil e participativo.





